3.3. Características do Partido
Galeguista
3.3.1. O Galeguismo: ¿Debía ser un
movemento socio-cultural amplo ou un partido político?
Dende a fundación das Irmandades da Fala
houbo sempre no movemento galeguista unha división entre quen pensaba
que o trabaIlo a facer era cultural, de sensibilización do pobo para
esperta-Ia súa conciencia adormentada en estado de latencia, platexándose
unha actuación lenta, arredada da intervención política, que daría
resultados moi a longo plazo, e unha segunda corrente que insistía na
necesidade de actuar políticamente, organizándose baixo a disciplina
dun partido, por entender que así se obterían resultados inmediatos
que facilitarían o avance subseguinte, tendente á consecución do
programa estratéxico; todo o cal sería compatible cun labor paralelo
de potenciación cultural e concienciación nacionalista do pobo.
Compre precisar que a corrente culturalista non
era exactamente apolítica, mais que no que fai á intervención
inmediata nos mecanismos de participación política tal e como son
definidos polo sistema. Justo G. Beramendi demostra con meridiana
claridade, nun estudio recentemente realizado (1),
como esta corrente anceiaba acada-la «redención de Galicia» por medio
dunha lenta pero persistente laboura de concienciación da sociedade,
actuando ó marxe do sistema político establecido, ata acumular forza
de abondo como para implantar, dunha soa pancada, un novo sistema político,
acaído ó «Volksgeist» de Galicia. Eis como, en última análise, a táctica
culturalista, así entendida, revélase como plenamente política e
mesmo subversiva. Isto mesmo o dí o propio Vicente Risco que, ó tempo,
delimita as diferencias desta estratexia coa dos sindicalistas
revolucionarios, xa que en certo modo resulta semellante:
«En resume, outro xeito de facer
política: pola destrucción violenta dun orde político-social
determinado, no caso dos sindicalistas; pola criación dunha
concencia que co tempo faría imposíbel o funcionamiento do
orde reprobado, no caso dos nacionalistas galegos (2).» |
Temos ademais
testimuños de que, ó marxe dos grupúsculos políticos que se
prodigaron con anterioridade á fundación do P.G., e arredado deles,
existiu un amplo segmento do movemento galeguista partidario da liña de
galeguización cultural (3).
Coa segunda República, ensánchase o campo de
actuación política, facendo que a meirande parte dos galeguistas
ficaran engaiolados ó ver que había toda unha serie de obxectivos de
importancia que podían ser doadamente conqueríbles a curto prazo. Polo
demais, o exemplo dos nacionalistas vascos e cataláns en que tiñan
constantemente postos os ollos, que non refugaban a actuación política
tivo que ser paradigmático.
Deste xeito o galeguismo decide organizarse
disciplinadamente nun partido a pesar e en contra da opinión dalgúns
galeguistas (Cunqueiro, Cabanillas, R. V. Ponte) que consideraban máis
oportuno diluir organizativamente o galeguismo, afastándoo dunha ríxida
estructura partidaria, co obxectivo de ser máis abranguedor, e levar a
cabo deste xeito unha actuación máis cultural e concienciadora que
propiamente política.
Víctor Casas razona por extenso a necesidade
de que o galeguismo se organice nun partido e faga política en troques
de se adicar só ó labor cultural, considerando que por facer política
non perde nada da súa pureza nacionalista:
«Tense demostrado que non abonda somentes a laboura de tipo
cultural para conquerir a finalidade integral do noso traballo
patriótico.
Ninguén ainda o mais político de nós, nega a eficacia da
laboura cultural. Mais non abonda. E unha obra lenta que non
chega a todos e cuios resultados de eficacia non se poden deixar
sentir coa rapidez que compre que arelemos na tarefa de recreación
total de Galicia (4).» |
Como xa deixamos
dito, os prexuicios antipolicistas que combate Víctor Casas derivábanse,
grosso modo, da tradicional ausencia do galeguismo da loita política,
preterida en favor da actuación cultural.
Aquel magnífico prosista que era Alvarez
Gallego expresaba de maneira poética a énfase na orientación política
da meirande parte dos galeguistas, da cal o P.G. era precisamente a súa
plasmación: «[...] deixando provisionalmente a estrada en costa da
cultura, tomamos po-lo atallo da política. Mais sen renunciar a
cantiga, ainda que agora empreguemos a arenga (5).»
En conclusión, ó simple feito de que o
galeguismo se artellase como un partido político, firmemente decidido a
intervir na vida pública de Galicia, foi toda unha conquista.
3.3.2. Outro rasgo definitorio: Nacionalista
Que o P. G. era, e definíase como
nacionalista non admite dúbida ningunha. Entendía este partido que
Galicia era unha nación diferenciada e non unha rexión que formaría
parte dunha nación na que estaría subsumida; a pesares delo existirá
sempre unha gran ambigüidade terminolóxica, utilizando indistintamente
(como veremos por extenso noutro capítulo) os vocablos nación e rexión,
pero, insistimos, será unha ambigüidade meramente nominal e non de
contido.
Efectivamente, se «un complexo de características
determiña a existencia da nacionalidade galega (6)», como corolario lóxico
o partido que define a Galicia como nación peculiar, débese considerar
a sí mesmo como nacionalista, e así o expresa taxantemente Núñez Búa:
«Somos nazonalistas [...] (7).»
Agora ben, todo o anterior, non é óbice para
que o P.G. procure eludir declararse pública e expresamente como
nacionalista. A razón disto, doadamente adivinable, estribaba en que a
verba «nacionalismo» estába en gran medida asociada a separatismo,
polo que provocaba na sociedade reaccións de reticencia cando non de
rexeitamento. Así pois, por prudencia política e para evitar tamén
como veremos equívocos, prefiren o calificativo, máis inocuo, de
«galeguismo». É ben ilustrativo disto o feito de que no propio
Programa do P.G. non se utilice a verba nacionalista para designar ó
partido, nin a de nación para facer outro tanto con Galicia. Coñécese
que o expedente utilizado non lles deixou a conciencia tranquila e, por
elo, e para non desdebuxar demasiado o seu perfil, víronse na precisión
de insertar no Programa unha «Acraración previa» na que explicaban
que escolleron a designación de Partido Galeguista porque:
«Avala aquela denominación o uso xeneral da verba
"galeguista" no noso pobo pra desiñar toda-las
modalidades de exaltación e defensa da galeguidade. Pero nin
aquel xuntoiro nin este alcume implican en ninguén abdicación
no esforzo ou na doutrina nazonalista (8).» |
Antón Villar
Ponte chega a propoñer informalmente o uso dun novo vocablo, «nacionismo»,
para evita-las suspicacias que despertaba o termo «nacionalismo»: «[...]
el nacionalismo gallego que más que nacionalismo es
"nacionismo" y valga la palabra que evita recelos (9).»
Núñez Búa danos pola súa banda outra clave
para entende-Ia razón de ser deste eufemismo:
«Somos nazonalistas aunque nos chamemos simplemente
galeguistas: Non nos tiduamos nazonalista, porque xurdiu outra
especie de "nacionalismo" de tipo Albiñana, e non
queremos que se nos confunda. Non somos patrioteiros; somos
patriotas (10).» |
Así pois;
evitala confusión coas doutrinas de corte fascista e chauvinista en
pleno auxe na década dos trinta, sería outra motivación.
De tódolos xeitos o P.G. considérase
nacionalista, e velaquí a definición que dá Del Riego sobre os que
son nacionalistas: «un nazonalista é un membro da comunidade
galeguista que se enrola nas súas fias pra loitar pola reconstituzón
espritual, política i económica da sua Patria [...](11).»
Como poderemos ver con máis detalle noutro
apartado, a definición de Galicia como nación faise sen apelar ó
ingredente da raza en tanto que factor de discriminación (ó afirma-la
existencia de razas inferiores e superiores). Deste xeito o P.G. refuga
a concepción racista do nacionalismo e, xa que logo, permite ingresar
no partido a galegos de residencia e non «de raza». Nesto aseméllase
máis ó nacionalismo catalán que ó vasco (12).
A necesidade de contar con forzas políticas
propias xustifícase con varios argumentos: Un deles derívase da
especial contextura de Galicia que demanda a existencia dun partido
galego que defenda os intereses dos específicos sectores sociais
galegos que segundo Castelao quedan fora das miras dos grandes
partidos de clase:
«Saio do mítin a cavilar na desventura dos nosos labregos, que
non son obreiros nen patróns, que non poden avencellar os seus
problemas vitales á preocupación dos grandes partidos de clase
e que, polo tanto, as súas reivindicacións quedan ao marxe de
balbordo que agora enche o mundo (13).» |
Existe tamén a
razón de que cada pobo ten que se liberar por sí mesmo, contando coas
súas propias forzas. Así o explicaba Castelao: «¿Quén pode salvar a
Galiza? Galiza mesma. E ¿como? Con un gran partido político
eiscrusivamente galego (14).»
Outro dos argumentos que xustifica a necesidade
dun partido nacional galego, consiste en que os partidos españois están
liderados por persoas que defendían intereses xeográficos distintos ós
de Galicia:
«Galicia, por diñidade e por coñecimento, debe ter unha política
propia, debe ter partidos seus, non suxetos a ningunha xefatura
allea ao país, a ningunha discipriña que os cohíba na defensa dos
intereses espirituales e materiaes da Terra (15).» |
Polo demais
pensaban que: «Galicia necesita unha política propia, de seu, que
loite por impoñerse en loita coa que lle impuñeron e siguen impoñendo
dende fora (16).» Como corolario lóxico Galicia deberá ter partidos
políticos propios.
A este respecto decía A. Vilar Ponte que:
«[...] os intereses da Galicia, sin representantes de partidos
galegos, absolutamente galegos no Parlamento, sempre acharanse
indefensos, posto que os paisanos nosos enrolados en partidos
nacionaes nunca terán libertade se queren facer carreira política,
para en nome do seu país enfrentarense cos intereses d'outras
terras, tantas veces opostos os intereses galegos (17).» |
Agora ben, a
pesares de que o P.G. considera necesidade ineludible a existencia dun
partido de ámbito galego, non se lle escapa tampouco a necesidade de
prestar atención ó contexto do Estado no que se enmarca a política
galega. Eis que adique frecuentes comentarios en A.N.T. á coxuntura política
no Estado español (como tamén no mundo). De tódolos xeitos esta
actitude non debía ser compartida por un sector do P.G., polo que
repetidamente os cronistas políticos de A.N.T. razonarán a necesidade
de referirse á política que se desenrola no entorno de Galicia por
entender que, sen ningúnha dúbida, a condicionaba. Deste xeito, dicia
V. Casas: «Vainos moito en como a política hespañola desemboque en
novos camiños ou retorne a os camiños vellos, xa doorosamente coñeci
dos de nós (18).» Ou tamén: «De nós pro mundo, o mundo comenza e nós
e sigue no que está mais preto de nós (19).»
3.3.3. Novo rasgo: Integracionismo
O carácter ampliamente integrador «integracionista»
do P.G., é unha consecuencia lóxica da súa significación
nacionalista. Este vocablo, «integracionismo», que cremos apropiado
utilizar para recoIle-Ia proteica gama de contidos que informan a
natureza dun partido nacionalista do tipo do estudiado, e que non tén
nada que ver con integrismo, fai referencia ó seu propósito de
integrar ós máis amplos sectores sociais, agochando e minimizando tódolos
factores de discordia que poidan existir, fundamentalmente o relixioso,
e mesmo tamén o político, para tentar de unir ó conxunto dos galegos,
suliñando o feito de seren tales, ó marxe das súas crencias e
doutrinas, mediante a cultura galega como aglutinante nacional, para
acada-Io autogoberno e maila prosperidade de Galicia (20).
A propósito disto traiamos a colación
un ilustrativo párrafo de Filgueira Valverde:
«Eu soñei un partido que fose a encarnación política autóctona
do pobo galego, un partido totalitario, non escindido polas
diferencias de credos sociais, non quebrantado polos partidismos
que de fora nos veñen. De xeito que nós apreixoados por este
partido puideramos berrar a frase é miña "Galicia
somos nós". Eu sosteño que un partido integralista,
nacionalitario non pode deixarse dirixir por movimentos alleos
(21).» |
O feito
de que o P.G. cobice ser un partido de integración nacional conleva, na
primeira etapa da súa existencia, un certo recelo verbo do
pluripartidismo. Dicía Vicente Risco que as loitas entre os partidos
ou entre as clases entrañaban un perigo para a vida dunha nación,
na medida en que facían esquence-Io interés nacional común, dividindo
ó pobo en parcialidades que «se tan crúa guerra interior (22)», e ó
cabo, destruindo a cohesión nacional. En consonancia con isto, no
manifesto publicado polo P.G. no Día de Galicia de 1932, deixaban
patente que: «Somos un partido máis no campo da política, pero non
vimos a dividir, senón a colaborar (23).» Máis que o pluripartidismo
propiamente como tal, o que rexeita o P.G. é a súa versión e mesmo
propensión desintegradora da cohesión nacional, xa que o pluralismo
político converxente sí que o acepta: «A Unidade política e a
unidade social de Galicia non poden xurdir do uniformismo: han de ser
obra da armonía na variedade (24).» Agora ben, para o P.G. difícilmente
podería ser converxente e nacionalitario un abano de partidos políticos
sometidos a centros de decisión extragalegos, sucursalistas, e que «importaban
conflictos e divisións artificiosos». Por todo o cal o P.G. desexaría
que en Galicia houbese un único partido de tódolos galegos, a xeito
dun frente nacional, no seo do cal tivesen cabida os distintos matices
políticos. Esta concepción do partido como «abreviatura da nación»
segundo a expresión de A. Vilar Ponte, e que dalgún xeito a
prefiguraría, resulta imposible de levar á práctica, de maneira que o
P.G. na súa actuación ten que plegarse ó arco de partidos que existen
na realidade, véndose obrigado a actuar como un partido calquera. Na
segunda etapa, o sector maioritario do P.G. plégase ó sistema de
partidos existentes, aliándose cos que ocupaban unha posición de
esquerda; agardaba que deste xeito conquerirían máis doadamente a
autonomía, tras do cal sería chegada a hora de dividi-Io, partido nun
de dereitas e outro de esquerdas, para tentar de crear un sistema de
partidos autóctonos, que sustituíse ós partidos sucursalistas de
distinto signo. Pero a corrente minoritaria de signo dereitista non tivo
paciencia para agardar tanto e lanzouse, antes de que Galicia acadara a
súa carta autonómica, a crear ese sistema de partidos de obediencia
galega que tería de reemplazar ó centralista.
Por outra banda, a arela integracionista
do P.G. confírelle un certo tinte populista que de cando en vez asoma
moi ostensiblemente. Así, dicía Risco:
«E certo que (os galeguistas) teñen algunha preferencia [...]
polos probes, porque posto que o necesitan mais, deben ter maor
protección por parte dos gobernos e das autoridades públicas
(25).» |
Ofrecemos
a continuación, en esquema que logo desenrolaremos, a serie de
antinomias que teñen de ser dixeridas e integradas polo P.G. mediante
unha fórmula específica, para non comprometela súa virtualidade
integradora (ou integracionista).
*
Dereitas/ Esquerdas |
|
Centrismo. |
*
Confesionais / Laicistas |
|
Neutralidade
relixiosa. |
*
Distintas capas sociais |
|
Interclasismo. |
* Políticos
/ Culturalistas |
|
Integracionismo Político. |
Polo demais
apelan a dous reforzos ideolóxicos para mellor solda-la dispar
osamenta: o sentimento de irmandade e o postulado de que a común
defensa de Galicia debía sobrepoñerse a calquera discrepancia.
Antes de escomenzar a desenvolver este esquema,
sinalemos un precedente e mais un factor de diverxencia conxénito ó
P.G.
O precedente non é outro que a xa sinalada
contradicción que foi pertinente mentres estivo vixente a Monarquía, e
que se establecía entre os partidarios da monarquía e os da república,
e que se resolvía amistosamente apelando ó accidentalismo. Esta
discrepancia perdeu actualidade na década dos trinta, por natural
realismo político dos monárquicos.
A semente de división que existíu dende o
nacemento mesmo do P.G. viña dada poIa relativa heteroxeneidade ideolóxica
dos agrupamentos que se funden e desaparecen no cruxol do novo partido.
Lembrémonos do laicismo progresista da I.da F., contraposto ó
integrismo conservador da «Irmandade Galeguista de Ourense»; do
radicalismo de «Esquerda Galeguista» que se opón á maior moderación
do «Grupo Autonomista Galego», ou da avanzada mentalidade dos membros
da «Agrupación Nacionalista de Santiago» que difería de abondo do
dereitismo de moitos dos adherentes a «Labor Galeguista de Pontevedra».
O P.G. endexamais negou a súa heteróclita
composición interna:
«Homes de diversas tendencias políticas e relixiosas, que
coinciden en apreciar de igual maneira a problemática da nosa
terra e axúntanse baixo unha bandeira común, a bandeira da
redención galega (26).» |
Se ben se recoñece
este feito, procúrase de todos modos facer nel o menor fincapé
posible, e mesmo, nalgún caso, arredalo, sostendo que non tén razón
de ser. Así sucede coa contradicción dereitas/esquerdas, a que pasamos
a referirnos. Citemos un texto ilustrativo, quizais unha miga extenso,
pero entendemos que a súa importancia o xustifica (27):
«Somos un partido de integración galega [...]. Non podemos
comulgar con conceptos de dereitas esquerdas que se aprican
á unha política que descoñece a existencia mesma da nosa política.
Pero en troques, si esquerda quer dicir
avance e non conformismo, si ser Partido de esquerda é estar na
vangarda no pranteamento do problema capital de un pobo, nós
non toleramos ninguén á nosa esquerda en Galicia, porque na
cuestión da libertade da nosa Terra siñalamos a posición
masimalista, frente aos demais partidos que baixo as alcuñas
mais diferentes manteñen entre nós o vello españolismo monárquico
ou o novo social-patrioteirismo estatista.
E tamén si sere un Partido de esquerda
é poñerse da banda dos intereses labregos e mariñeiros, que
son os intereses dominantes do noso pobo, frente ao escesivo
urbanismo e frente ao señoritisrno alleeiro, si é tomar
partido polo traballo diante cobizas inxustas do capital, e
polos dereitos minoritarios frente a todolos imperialismos do
noso tempo; si é percurar o ben común frente aos egoísmo de
crase; si é querer transformar a nosa economía pra dotar a
Galicia de unha estabilidade social basada na xusticia e no
traballo, daquela nós somos homes de esquerda.
Pero que ninguén nos confunda cas
esquerdas hespañolas. Que se non conte con nós pra «comer
cregos», para guindar cruceiros ou pra perseguir a ninguén nos
eidos do esprito. Porque todo é alleo a Galicia. Porque o
Galeguismo é tolerancia; convivencia, integración de valores,
de posicións e de matices nunha obra común: o Rexurdimento da
Patria Galega». |
Deste xeito
rexeitan a contradicción dereitas/esquerdas, que de ser aceptada
implicaría a polarización do P.G. en dúas fraccions, argüindo que
eran categorías importadas que non casaban co ser auténtico de
Galicia. A toda costa había que evita-las friccións internas.
Pero que se desbotaran estas categorías polo
perigo excisionista que entrañaban, non quere dicir que non houbese
galeguistas que se sentisen de esquerdas e outros de dereitas; habiaos,
pero na medida do posible procuraban non dicílo. O Galeguismo como
instancia organizada refuga as categorías antinómicas
esquerda/dereita, por perigosas, como xa deixamos dito, e tamén porque
as forzas que encarnaban tanto a dereita como a esquerda actuantes
daquela en Galicia eran en xeral bastante desdeñosas, cando non
abertamente hostís, á reivindicación dos dereitos políticos do País
Galego. Isto facía que o P.G. considerara a tirios e troiáns como
portadores dunha división, que obstaculizaba o seu propio proxecto político
baseado na converxencia de estensos e heteroxéneos sectores sociais,
división que na súa opinión podería ter razón de ser en España,
pero dende logo non en Galicia, onde se superpuñan á auténtica e
enxebre problemática de Galicia sen chegar endexamais a casar con ela,
polo que resultaban en suma extraños, gratuitos e artificiais. A título
de mostra, manifestaba o P.G. que os partidos políticos con base en
Madrid viñan a Galicia a realizaren loitas de partidos que non
significaban nada positivo para o país no que actuaban:
«Son letreiros de forma externa, de dereitismos e esquerdismos,
que non significan ren pra nosa vida inteleitual, rural e
campesiña [...]. Nin Gil Robles, nin Maura, nin os socialistas,
nin Lerroux, tragueron a Galicia unha nova vida (28).»
Por todo elo pensaban que se debían
formar un: «frente único galego, autonomista, contra os que
non enrolándose nil, se apelliden, por ise feito, antigalegos.
Nistas novas eleicións de Galicia non pode haber dereitas nin
esquerdas. Soio galegos e antigalegos (29).»
Ou doutra maneira: «Nós que pensamos,
que o problema de noso pobo é un problema de Patria, un
problema de defensa conxunta na que caben todolos matices
dos seus intereses, asulagados hoxe polos vaivens do politicismo
hespañol, que pra nada os ten en conta; voltamos a afirmar,
agora como sempre, que o senso ezquerdista de denantes e o senso
dereitista do presente, non son máis que pretestos fútiles,
con que se pretende confundir a opinión do noso país,
distraendoa do punto capital e trascendente, único capaz de
resolver os seus propios problemas. O punto da súa autoctonía
nacional (30).» |
En resumidas
contas tildaba de españolistas ós partidos de obediencia estatal por:
Seren alleos ó ser de Galicia, concebida
como totalidade, polo que as partes que dicían representaren eses
partidos calquera que fose o seu carácter de clase carecían de
pertinencia.
Defenderen intereses económicos e sociais
distintos ós de Galicia, e cando se resolvían a asumiren a defensa de
Galicia, facíano con moi escasa ardentía.
Estaren incapacitados para a asunción do
problema nacional galego e condicionados por unha visión uniformizadora
dos problemas do Estado Español. As reticencias verbo da autonomía
eran para o P.G. elocuentes.
Os partidos obreiros e populares,
socialistas e comunistas, son censurados por importaren doutrinas económicas
e sociais francamente rifadas coa peculiar conformación e idiosincrasia
da sociedade galega. Polo demais, pensaban os galeguistas, nomeadamente
no primeiro bienio, que, de triunfaren aqueles, non respetarían as
aspiracións nacionais de Galicia.
Poderíamos dicir que a postura do P.G. era en
certo modo centrista, pero dun centrismo especial, pois non se considera
nun punto equidistante da dereita e da esquerda, por nega-la pertinencia
desta dicotomía. Realmente o P.G., o que desexa é que Galicia dispoña
dun sistema de partidos específico, ou dun único partido, erixido
nunha sorte de frente nacional (31), pero, en calquera dos dous casos,
as categorías dereitas/esquerdas eran disfuncionais, como xa dixemos,
no primeiro caso por non seren unhas dereitas e esquerdas de obediencia
galega, e no segundo, por quebranta-la procurada unidade política de
toda a nación.
Claro que unha cousa era o que eles pensaban de
si mesmos, e outra a súa actuación práctica. E na súa práctica política
ó traveso do primeiro bienio, como queira que dereitas e esquerdas
existisen malia os desexos do P.G., observamos que este se conduce como
unha forza de centro. Polo demais así o recoñece implícitamente o
propio Suárez Picallo nun texto que citamos un pouco máis adiante
(32).
Á altura de 1933 a belixerancia entre as
dereitas e mailas esquerdas acentuábase cada vez máis. Neste ano «A.N.T.»
publica un editorial ratificándose na súa posición de nega-la
pertinencia do tal antagonismo; pero cada vez resultaba máis dificil.
M. Beiras; García daba a voz de alarma: «Trátase de producir unha
división dentro das filas do galeguismo por eso que con grande error
deu en chamarse "dereitismo" i "esquerdismo" (33).»
Entende que este problema non parte do propio partido senón que nace
fora del.
O P.G. estaba para servir a Galicia e non para favorecer unha tendencia
ou outra. Despois de dicir que o P.G. máis que un partido político é
un conxunto de homes que se esforzan nunha laboura galeguista «de
soerguer a concencia da nosa persoalidade e a dinidade da nosa Patria
(34)», afirma que:
«nista laboura teñen acomodo uns e outros xunguidos por un
ideal moito mais outo, mais íntimo, que unhas tendencias
circunstanciaes postas en tensión agora por unha política
allea. O ideal da Terra está por riba das creenzas e ainda de
toda-las difrenzas sociaes. Aquel é permanente i eterno, estes
son temporales e tornadizos [...]. Non debe importarnos que non
veñan ao galeguismo os de "dereita" porque lles
parecemos de esquerda, nin os da "esquerda" porque
non, estamos definidos como tales (35).» E é que «O P.G. ten
a obriga de non mistificarse, de ser de todos, e de ser para
todos (36).» |
A pesares de
todas estas afirmacións, o P.G. non puido sustraerse á decantación
por unha das dúas grandes correntes de signo oposto, que xa por estas
datas escomenzaba a apuntarse. Deste xeito o P.G. inclinaráse
progresivamente cara a esquerda, dado que a liña maioritaria escomenzou
a gravitar neste sentido, ata rematar por integrarse no Frente Popular.
A adopción desta postura comprometeu radicalmente a súa virtualidade
integradora, sufrindo o esgazamento da súa ala dereita.
A decisión de aliarse coa esquerda suscitou
grandes polémicas provocadas pola minoría contraria a unha tal
definición, entre os que se atopaban Otero Pedrayo, Ramón Vilar Ponte,
Filgueira Valverde e A. Iglesia Alvariño. Estas polémicas tiveron como
escenario a III Asamblea do P.G., celebrada en xaneiro de 1934.
Un sector do P.G. e das mocedades estaba en
disconformidade coa postura de colaboración adoptada na Asamblea de
Ourense. Novamente A.N.T. fará gala do seu carácter necesariamente
democrático necesario para servir de marco a sectores ben
diversificados permitindo que se expresen libremente as discrepancias
coa liña oficial. Así, M. Buxán Rivas escribe:
«Denantes que rian temos que pensar
en galego, ser galeguistas. Nin de esquerdas nin de dereitas.
Esta división é un feito hespañolista a o que nós non temos
que dar creto [...](37).» |
Os partidarios
da alianza coa esquerda teorizaban a súa postura da seguinte maneira:
«O galeguismo é un partido cun
programa avanzado co que todo elemento de esquerda pode
transixir; pero a ise programa, pra que sexa realidade, ten que
corresponder unha taitica revolucionaria, e non â miña maneira
de ver, unha semellante â que deica agora ven seguindo. Así
ten sucedido que algúns elementos de dereitas arredáronse do
Partido polo programa, e bastantes elementos esquerdistas síntense
defraudados pola taitica. I en consecuencia, o fenómeno mais
importante: O Partido Galeguista non chega ao pobo (38).» |
O abismo entre
dereitas e esquerdas aumenta a cada paso. Os dereitistas xa non resisten
as alianzas do P.G. coa esquerda e dispóñense xa non a esgazarse para
crear Dereita Galeguista. Otero Pedrayo, home conservador e de dereitas,
teima na loita pola convivencia dos dous sectores dentro do P.G., e
cando a escisión sexa un feito, el non participará nela. Deica a
mediados de 1935 que: «O programa galeguista é o único que pode
agrupar a persoas de dereitas e de esquerdas convivindo con irmandade
para acadar a liberdade de Galicia (39).»
Fagamos mención agora ó expedente
interclasista que utiliza o P.G. para dar acollida a moi diversos
sectores sociais, que van dende propietarios de fábricas e asalariados
dos servicios, a intelectuais, campesinos, funcionarios e pequenos
comerciantes. Esta composición interna do P.G. era posible porque, como
dicía Risco:
«Os galeguistas non van
persoalmente contra ninguén. Nin contra os ricos, nin contra os
probes; nin contra os patronos nin contra os obreiros; nin
contra os cregos, nin contra os empregados, nin contra os
militares; nin contra a propiedade, nin contra a familia, nin
contra a relixión. O que queren é [...], sobre todo, unión
dos galegos, sean da clase que sean, pra defender a Galicia. Que
todos nos sintamos, antes que nada e por enriba de todas as
cousas, galegos, e, despois do mundo (40).» |
Nisto o Partido
Galeguista seguía unha vella tradición inaugurada en 1846 no célebre
«banquete de Conxo», onde estudiantes e obreiros irmanados proclamaron
a unidade de Galicia e a solidariedade entre as clases.
Polo demais, estatuariamente, o P.G. (do mesmo
xeito que garantizaba a liberdade de crencias dos seus afiliados)
salvagardaba «[...] a prena liberdade [...] das suas tendencias
sociales (41)»
O interclasismo é unha realidade común a tódolos
nacionalismos; sinalaba Javier Corcuera que todo partido definido
unicamente polo seu carácter nacionalista, é vocacionalmente
interclasista:
«Partiendo de la nación como un
todo heterogéneo con intereses comunes, los partidos
nacionalistas, sin negar la realidad de las clases sociales,
trascienden dicha realidad en la medida en que se afirman todas
las clases sociales nacionales como oprimidas por una nación
extranjera (42).» |
Agora ben,
compre discerni-lo policlasismo na visión da sociedade galega (ó que tódolos
galegos debían esquence-las súas diferencias, poñendo en primeiro
plano o que os une: a angueira da «redención» de Galicia, do
interclasismo na concepción do partido, que é en gran medida froito do
anterior. Consiste esta visión, socialmente integracionista, ou
interclasista, do partido, en percura-la integración nel das xentes de
distintas capas sociais salientando o nexo unitivo da súa calidade de
galegos.
Para rematar con esta cuestión, mencionemos de
pasada (verémolo por extenso noutro apartado) que tamén no campo das fórmulas
económicas se pode apreciar esta ambición integradora que apela a
eixos de simetría equidistantes das diversas posicións. Opta así polo
cooperativismo como tamén facía no País Vasco o P.N.V., ó que
concibe como fórmula de transición por entender que estába a cabalo
entre o capitalismo e o colectivismo.
Como deixamos dito ó comenzo deste apartado,
as aspiracións do P.G. a un amplo encadramento social levábano a non
facer cuestión do problema relixioso, de importancia crucial nun tempo
no que en períodos de inestabilidade social as autoridades tiñan que
preocuparse máis de protexe-las igrexas que os edificios nos que tiñan
o seu asento as institucións do Estado.
A cuestión relixiosa será outro tema máis no
que o P.G. evidenciará a súa flexibilidade ó servicio da súa
pretensión de ligame nacional. Sostiña que as crencias relixiosas, ou
ben a ausencia destas, non debían ser un atranco para se incorporar á
loita pola reconstrución nacional de Galicia.
Agora ben, ó declararse neutral, esguellando o
espiñento tema da confesionalidade, non resolvía o problema de que os
partidarios da declaración de fe católica do galeguismo mantiñan unha
visión da realidade galega (Otero Pedrayo consideraba que o
cristianismo era a base mesma do espíritu de Galicia) radicalmente
contraposta á do sector maioritario do P.G. de clara inspiración
laica, ou que partía incluso de supostos filosóficos materialistas,
como Lugrís Freire ou Emilio Pita (43), por citar dous casos. E isto,
obviamente non podía por menos que orixinar conflictos que rematarían
por esgaza-lo P.G. en dúas formacións, a unha neutral na medida en
que se podía ser neutral na cuestión relixiosa sendo de esquerdas daquela e de esquerdas, a outra confesional e dereitista. A pesares
deste ingredente de moderación e defensa da relixión católica dun
sector do P.G., tanto o clero como as xentes que en xeral saían á
area política para salvagarda-la fe católica, que consideraban
hostilizada polo goberno Azaña, no primeiro bienio, e polas correntes
laicistas e anticlericais, amosáronse bastante desafectas verbo do P.G.
A actitude do P.G. de tolerancia, neutralidade
e «respeto do partido hacia as creencias relixiosas (44)» sería a tónica
dominante na súa actuación, ponderada e ecuánime, ante os conflictos
relixiosos que sacudiron á II República, fustigando por igual o
integrismo católico reaccionario (o mesmo Otero Pedrayo, católico da
cabeza ós pés, tivo problemas con «El Ideal Gallego», representante
local da tendencia católico-conservadora que abandeiraba «El Debate») (45), e o anticlericalismo a ultranza dos «traga-curas» segundo a
expresión de Lugrís Freire (46).
Os propios galeguistas de esquerdas e
anticonfesionalistas recoñecen dende o periódico «Claridad» (47) que
hai diferencias entre a postura cristiana de dereitas dos galeguistas e
o dereitismo «zafio, analfabeto y anticristiano al uso en Galicia»;
ilustran isto dicindo que Otero Pedrayo non tivera inconveniente en
firmar, xunto con Fernando de los Rios, Valera e outros homes de
esquerda, unha proposición de lei para que se abriran en España as
sinagogas xudeas e as mezquitas musulmanas, e, amais disto, foi el quen
proclamou ós candidatos comunistas en Ourense. Vicente Risco, que era máis
integrista que Otero, ten censurado a orientación de «El Debate» polo
seu extremismo (48).
Sintomáticamente nun editorial de «El
Heraldo de Galicia» (49) dín que os católicos galeguistas se
atopan máis a gusto entre determinados esquerdistas que entre a maoiría
dos elementos de dereitas. Polo demais non eran tan conservadores como
para non considerar xusto que os grandes de España fosen desposeídos.
Otero Pedrayo polo seu lado, dicía:
«Como cibdadán de Galiza son d'unha Patria, como católico síntome
cibdadán do Mundo renascido pola paixón de El Señor. As
dereitas galegas racharían as vestiduras [...] se tal
ouvisen.»
(50). |
Este párrafo
ilustra tamén moi ben encol da actitude mental das dereitas en relación
ó galeguismo.
O P.G. endexamais entrou na loita do
clericalismo/anticlericalismo, que axitou tanto os ánimos dos seus coetáneos
(51). Precisamente por isto estaban os galeguistas bastante arredados
dos federais (especialmente fortes en Santiago), que mantiñan vivas as
brasas do anticlericalismo legado no testamento político de Pi y
Margall, en contraposición coa neutralidade do Partido Galeguista (52).
Pesia os bos propósitos do P.G. de evita-las
divisións en razón das diferencias relixiosas, xa que: «A laboura
pol-a Terra non pode estar condicionada endexamais a ningún credo nin
tendencia católica ou anticatólica» (53), non conqueriron preserva-la
unidade do propio partido, co que fracasou o seu obxectivo
integracionista. Cando á ala dereita do P.G. seméllalle que o seu
conservadurismo social e a súa fidelidade ó cristianismo son
inconciliables co xiro esquerdista dado polo partido, opta por
escindirse. Tal actitude esfarelou as pretensións ó integracionismo do
P.G., polo que foi condanada por este iso sí, dunha forma nada agria
e mesmo amistosa en base a unha serie de razóns que en síntese
dimanaban da consideración da escisión de «Dereita Galeguista» como
prematura e condanada á ineficacia na medida en que a dereita de
Galicia lles parecía antigaleguista, e en gran maneira insensible ó
feito diferencial galego.
Así o expresaba Castelao:
«Trátase nada menos de crear unha "Dereita
Galeguista" lazando a irmandade dos "bos e
xenerosos" cando mais rexa debe ser a súa compenetración
[...]. Non nego a necesidade dunha escisión do Partido
Galeguista na hora en que a nosa Terra conquira os seus anceios
mínimos de libertade; pero nego a comenencia de facelo agora.»
(54). |
3.3.4. De partido de élites a partido de
masas
Na primeira etapa que vai dende a fundación
do P.G., en nadal de 1931, ata as eleccións de novembro de 1933, a práctica
totalidade dos dirixentes galeguistas teñen unha concepción elitista
do partido, baseada na tese de que abondaba conxuntar un reducido grupo
de nacionalistas puros que, xa logo, conquerirían esperta-la simpatía
na base do pobo. De feito defínese como «partido minoritario de ideal»
(55). A maior abondamento explicaban que: «[...] mais que o número dos
nosos adherentes, importa espallar as ideias fundamentaes do noso
ideario. O demais virá dimpois» (56).
No «Programa de Acción pra os Grupos
Galeguistas» aprobado na II a Asamblea de nadal de 1932, dicíase:
«Debe considerarse ao Partido como minoría directora da política
de galeguización, cuia forza estribará sempre non no número
dos afiliados senón na súa compenetración e na súa discipriña,
na outura dos seus valores e na fé galega dos seus pioners
[...] ós Grupos do Partido non encamiñarán o seu proselitismo
de afiliación na masa de xentes non formadas no galeguismo, ou
de deformada conciencia política, senón especialmente nos
medios políticamente virxes, na mocedade sobre todo...» E mais
adiante engaden: «Percurarán nas masas populares unha adhesión
a idea galeguista e un sentimento de simpatía cara o Partido
que faga froitosas as nosas propagandas...» (57). |
Como se pode
ver, antepuñan a pureza doutrinal, da que o Partido Galeguista era
selecto receptáculo, á incorporación de sectores numerosos ó mesmo,
dado o risco que isto implicaba de contaminación e adulteración do seu
ideario por xentes profanas e non iniciadas.
Esta concepción vangardista e minoritaria do
P.G. era realmente común a tódolos galeguistas nesta primeira etapa. O
propio Alexandre Bóveda que logo cambiaría tanto é autor dunha
frase aparecida nun manuscrito seu que dí: «Robustecimento dos grupos
Non masa», ben ilustrativa desta vontade purista (58).
Polo que as fontes indican, hai un sector
especialmente elitista e que en gran parte permanecerá adicto a esta
concepción restrictiva e minoritaria do P.G., na segunda etapa en que a
corrente maioritaria imprímelle un sesgo distinto ó partido,
percurando o incremento da afiliación. Entre estes elitistas a carta
cabal, podemos mencionar a Vicente Risco, Ramón Villar Ponte, Ramiro e
Xaime Illa (este último máis ben nas mocedades) e Carballo Calero
(59). Estes homes facían súa aquela máxima, que proviña xa das l.da
F., e que figuraba inscrita nun letreiro nas casas dalgúns galeguistas:
«Xuro polo que mais quero ser dos bos e xenerosos» (60).
Así, Risco dicía que «O Partido Galeguista
non quere ter moitos afiliados; o que quere é que os que teña sean bós
[...]. O Partido quere pouca xente, pero boa» (61), e algo polo estilo
ven a dicir no célebre folleto «Ideas que defende e fins que se propón
o P.G.».
Do mesmo xeito, Carballo Calero, alarmado pola entrada no Partido, concebido como templo sagrado onde se celebraba o
rito galeguista, de xentes novas que non tiñan ben asimilada a auténtica
enxebreza co que se convertían case en profanadores, protestaba
contra da irrupción dos neófitos. Había que aceptar só ós xenuinos
depositarios do «esprito clásico, que dou vida, ao galeguismo moderno»
(62).
A mesma actitude mantiña Enrique Peinador,
que, sendo Conselleiro da Comarca de Vigo, foi entrevistado en 1936,
destacando entre as súas afirmacións a de que «El Partido Galleguista
no es un partido de masas, sino de selección y cuenta con muchas
figuras relevantes, capacitadas para todos los puestos» (63).
Agora ben, a segunda República supuxo a
aparición das masas populares no proscenio da Historia. En efecto, foi
o 14 de abril a primeira ocasión en que un movemento popular provocou,
de xeito pacífico, a caída dun goberno, ou por mellor dicir, a da
propia Monarquía; toda unha revolución democrática.
Isto foi unha aldrabada na conciencia dos
partidos burgueses e pequeno burgueses, formacións políticas
minoritarias que, se ben a extensión do sufraxio nas postrimerías do
XIX obrigoulles a contar co conxunto da poboación que compuña o censo
electoral que por outra banda adoitaba ser burlado medianta o
tinglado oligárquico-caciquil, creado na Restauración, non será
ata este momento que comprendan a necesidade da creación de grandes
organizacións de masas (pensemos na CEDA, por exemplo). As camarillas e
os grupos de notables pertenecen xa ó pasado.
O P.G. tardará algún tempo en decatarse de
que non podía continuar coa concepción do partido tributaria do
elitismo se é que quería ter unha incidencia apreciable no seo da
poboación. Será o revés experimentado nas eleccións de 1933 o
catalizador do cambio da súa consideración minoritaria do partido, que
abandonará para emproeirar os seus azos cara a incorporación do maior
número posible de militantes.
Esta apreciación nosa expusémoslla a Avelino
Pousa Antelo quen a ratificou, por entender que se axusta á realidade;
segundo el:
«o P.G. o principio dicía que lle interesaba máis pouca xente
ben formada e que fora capaz de influir de maneira determinante
na poboación normal. Buscaba esto máis que afiliar
masivamente. Despois xa non peneiraba tanto.» (64). |
Así pois, esta
concepción minoritaria do partido perderá vixencia lentamente a
partires da derrota nas eleccións lexislativas de novembro de 1933.
Este feito failles tomar conciencia da importancia que ten converti-lo
minoritario P.G. nun gran partido de masas tal e como se expresa en
A.N.T.(65) A este efecto inicia un febril traballo de organización,
conquerindo incrementar notoriamente o número de afiliados e crear
novos Grupos e Delegacións en localidades nas que carecía deles, como
podemos ver nos mapas que se adxuntan (Vide Anexo Mapas I e II).
O cambio de organización de minorías a
partido de masas non foi acordado en ningunha Asamblea, nin consta
expresamente nalgún documento oficial do P.G. Foi, pois, un cambio
operado na práctica que non deu pé a debates nin a consideracións teóricas.
Como datos probatorios existen, en primeiro
lugar, as declaracións de dirixentes galeguistas pronunciándose
claramente por un partido de masas. Así Castelao autoformulábase a
pregunta de como se podería liberar a Galicia, ó cal respostaba el
mesmo, dicindo: «Con un gran partido político» (66).
Sintomáticamente, en febreiro de 1934 o
Consello Executivo establece como obxectivo prioritario a mellora da
organización interna do partido, e, a ese efecto, anuncia que encetará
unha campaña de proselitismo (67). Bóveda, na súa calidade de
Segretario de Organización, insiste en que os galeguistas debían
adicar tódalas forzas posibles a crear novos Grupos (68). Novamente en
novembro de 1934 vólvese a remachar isto mesmo; agora é o «Consello
Nazonal» quen declara que a laboura de creación de novos Grupos e
unha das que merecía maior actividade e esforzo (69).
A todo isto temos reiteradas noticias (70) de
que aproveitaban os mítins para desplazar un equipo de militantes coa
finalidade de afiliar ós asistentes que quedaran ben impresionados, e
constituir deste xeito, a poder ser, novos Grupos.
Polo demais, resulta sintomático que
inmediatamente despois da devandita derrota electoral o Grupo de Ourense
anuncie nun manifesto dado á opinión pública (71), que o P.G.
incrementará a súa actividade e proselitismo, afiliará máis xente ós
Grupos e creará tódolos que poida. E tamén ilustrativa a circular do
Segretario Xeral, Gómez Román, ós Grupos, na que establecía entre as
novas obrigas dos «Conselleiros de Seición» a de procura-la creación
de novos Grupos e Delegacións de acordo coa Segretaría de Organización
(72).
3.3.5. Carácter Democrático
No capítulo de organización xa vímo-los
liñamentos básicos da estructura organizativa do P.G. O seu
funcionamento interno era democrático; existían canles para que os
afiliados participaran na toma de decisións do partido, que en conxunto
funcionaba disciplinadamente, cunha dirección colexiada (por máis que
as posicións de Bóveda soian prosperar sempre) (73).
Segundo a clasificación de Newman (74)
o P.G. poderíamolo encadrar dentro dos «partidos de programa» (versus
ós «partidos de personalidades»), ou, segundo outra clasificación da
politoloxía, «partido de principios» (versus «partidos de prebendas»).
Este sería o esquema da toma de decisións do partido:
|